O arrubiar nas orellas de A

Na equipa de normalización linguística gostamos moito de este artigo que publicou Rosa Aneiros no xornal online Praza Pública, xa que defende un modelo de ensino no que acreditamos. Podedes expresar a vosa opinión nos comentarios.

O ARRUBIAR NAS ORELLAS DE A.

A, quítate las gafas

No

A, quítate las gafas he dicho

No

E logo daquel aterrorizado “no”, as gafas de A saían voando logo de que a man aberta de dona C o estampase contra o ferro da calefacción.

Te advertí que quitases las gafas. Ahora no llores

Durante o resto da mañá, a cara de A ficaba marcada coas raias do radiador e arrubiada pola humillación. O resto da aula respiraba silenciosa baixo a ditadura férrea dunha mestra autoritaria que cada vez que erguía a man co seu anel verde facíanos tremer coma xuncos. Tiñamos nove anos e viamos esa escena repetida dende a aula do lado, grazas a ese prodixio da construción escolar dos anos setenta que nos amosaba nitidamente todo o que acontecía no resto do colexio.

Lembrei a A e dona C logo de ver as imaxes dese policía corpulento a zoupar nun rapaz nas rúas de Valencia. Cando o mozo botou a man aos lentes e fitou con esa mirada entre estupefacta e humillada ao representante dos corpos e forzas de seguridade do estado, unha sentiu ese arrubiar nas orellas de A, o silencio cómplice dos que mirabamos sen protestar. Volvín experimentar ese rancor estraño da impotencia, de quen me obrigou a presenciar a humillación e me impediu responder, por terror, ás aldraxes. Tamén porque, daquela, na casa o algho farías pesaba un mundo.

Estes días escoitei demasiados algho farían na boca de medios de comunicación e políticos para deitar o dedo acusador sobre os “radicais” que se manifestaron en Valencia ou Barcelona para protestar pola carencia de recursos para a educación pública. Que alguén sospeitoso habitual de conceder licenzas irregulares, de financiamento dubidoso, de fraude, de malversación de cartos públicos e implicado en todas as tramas de corrupción sobresalientes, acuse de radicais e violentos os rapaces, manda truco. Xaora, a ideoloxización da rapazada é criticable só cando non é túa a doutrina imperante.

Neses mesmos días en que o alumnado valenciano recibía xostregadas, Carmen Zalvide,  ex – alumna do IES Álvaro Cunqueiro de Coia en Vigo e un dos quince Premios Nacionais de Bacharelato dicía: “reivindico a educación pública por riba de todo; ten os mellores docentes”. Agradecidas aos seus mestres amosábanse tamén María Pazos Vila e Laura Calvo Gens, gañadoras da área Europa, Oriente Medio e África dentro do concurso Youtube Space Lab na categoría entre 14 e 16 anos. Son alumnas do CPI de Rois e o seu experimento acaba de valerlles, polo momento, un voo en gravidade cero. E todo por culpa dun profesor, Javier Méndez Zunzunégui que, segundo afirman as rapazas, “foi quen nos animou cando estabamos a piques de abandonar”.

A rapazada que se manifesta e os testemuños destas tres mozas demóstrannos que a educación vai alén da asimilación de contidos en diferentes materias; é un empurrón para aprender a voar, a soñar que podes lograr aquilo que parecía imposible. Mestres e mestras que che abren as portas e mais as fiestras no canto de darche con elas nos dentes, mesmo procurando pillarche os dedos no golpe para que non recunques. Representantes dunha educación pública, constantemente vilipendiada, que fan dos nenos e nenas seres pensantes e creativos, non pura e estatística man de obra barata. A que agora xa se pode despedir mesmo antes de ser contratada. E nesa idade en que ningún ser humano confía en si mesmo hai quen non só confía senón que turra por que ti confíes. E iso, tan só iso, pode chegar a condicionar unha vida enteira. Deles e delas, profesorado da educación pública da que fun partícipe toda a miña vida académica, lembro perfectamente o nome completo e mesmo os apelidos. A outras, a outras non lles concedo máis que as iniciais.

Entre o profesorado do IES Lluís Vives seguramente haberá individuos de ambas especies, os que zoupan (ou quererían zoupar) e os que turran. Quen permanecerá nun lugar senlleiro nas memorias adolescentes e de quen só quedarán os títulos das disciplinas que impartiron. Pero todas e todos seguramente teñen en común a rabia e impotencia de ver como o seu alumnado intenta aprender na precariedade máis absoluta e, aínda por riba, reciben paus por queixarse cando outros se enriquecen a mans cheas cos cartos públicos.

E todo por protestar por careceren de calefacción.

Así e todo, seguro que A agradecería que lle quitasen o radiador do carón da súa mesa. Deste xeito non había levar a cara a raias o resto da mañá. A el, polo menos, dona C pedíalle que quitase os lentes antes do lapote.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s