Reportaxe sobre a banda de rock brasileira Los Hermanos

Como prometimos, xa está á vosa disposición unha ampla reportaxe no ollandosóns sobre a banda de rock Los Hermanos, na cal analizamos a súa traxectoria e engadimos ligazóns ás cancións que consideramos máis destacadas, contendo todas elas as letras para que vos sexa máis doado entendelas. Tamén podedes botar man se for preciso de este ou estoutro dicionarios de português e máis deste conxugador.

A próxima entrada que publicaremos será a do grupo de Emo-rock Fresno.

Boas vacacións meus!

P.D: Se queredes baixar gratis a canção de Fresno “Sentado à beira do caminho” só tendes que clicar aqui. Por cada dowland que fagas plantarase unha árbore dentro dun proxecto co que tentan atinxir o obxetivo de un millón de árvores plantadas. Tamén podedes baixar gratuitamente aqui o seu último EP “Cemitério de boas intenções” que conta con catro novos temas nos que voltan a un son máis hardcore.

As músicas da lusofonía en ollandosóns

No equipo de dinamización linguística achamos que pode ser interesante para vós coñecer músicas feitas nos distintos paises de fala portuguesa. Isto é así por varios motivos:

– Aquí polo xeral non temos acceso a esas músicas, agás contadas excepcións, e normalmente de non moi boa calidade xa que os sistemas culturais que  predominan aquí son o hispano e máis o anglosaxón.

Esas músicas están nunha lingua que ten  moito en  común coa nosa, ao naceren ámbalas dúas no noroeste da península ibérica, ainda que despois tiveron que vivir nunhas situacións sociais e políticas diferentes.

– Todo isto quere dicir que, grazas ao galego, aos galegos enos moi sinxelo aprender o portugués, tendo apenas unhas poucas barreiras que nos poden dificultar a súa comprensión, como por exemplo o distinto sistema ortográfico e xa na fala, os distintos acentos (“sotaques” que din eles), sendo o léxico ainda hoxe en día moi similar nunha altísima porcentaxe.

Así, o propósito de esta actividade, que será acollida polo blogue irmán deste adicado á música, o ollandosóns, é servirvos como unha introdución amena para o coñecemento do portugués, lingua que é falada no mundo por máis de 200 millóns de persoas de Europa, América do Sul, África e máis Asia, sendo oficial en Brasil, que acaba de superar ao Reino Unido como a sexta maior economía do mundo. Ao ser unha introdución cumpriría, se quixerdes un maior dominio, completalo no ensino oficial nunha escola de idiomas, onde tamén acreditarían de xeito oficial o nivel que acadedes. O que podedes ir conseguindo aquí é comezar a familiarizarvos coa ortografía (tódalas cancións estarán lexendadas) co acento e coas distintas modalidades de portugués en función de se é de  Portugal, Brasil ou Angola. Sería unha mágoa non aproveitar esta vantaxe que nos da o galego: a de dominar unha das 10 linguas máis faladas no mundo por riba de outras coma o alemán ou o italiano. Porque para un galego, o portugués é fácil de entender: só tés que ouvir con atención.

Comezaremos no decurso desta semana cun grupo do Brasil, que fai ska e rock alternativo e ten un cantante cuspidiño ao noso “Tonhito de Poi” chamado “Los Hermanos”, así en español.

Cando queirades pesquisar unha palabra podedes botar man deste ou destoutro dicionarios e se queredes conxugar algún verbo podedes botar man deste conxugador que é o mesmo que tendes no apartado de ferramentas linguísticas que hai na parte direita desta páxina máis, neste caso, para portugués.

Gostais da ideia?

Día da Poesía con Olga Novo

Hoxe tivemos o pracer de con contar no centro con Olga Novo, a poetisa de Vilarmao ( Pobra de Brollón). Esta actividade foi organizada polo equipo de Normalización Lingüística en colaboración coa biblioteca.
A pesar dos pequenos problemas técnicos e da ausencia de voz de Lucía, que lle fixo unha fermosa presentación á súa amiga, disfrutamos moito coa charla-recital que Olga nos ofreceu.
Entre anécdotas e poemas recitados, sumerxiunos no mundo da poesía e na súa propia vida, con suavidade, entre recordos, con doce e agarimosa voz.
Queremos darvos as grazas polo ben que vos portastes, por ese silencio tan necesario neste tipo de actividade.
Anímadevos enviando algún comentario, sempre nos gusta que compartades opinións.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Presentación no Daviña Rei do filme “Vilamor”

Este martes, 20 de marzo, fixéronnos unha vista algunhas das persoas responsabeis do filme “Vilamor”, como dous dos seus protagonistas, Ruben Riós e Sabela Arán e máis o seu director Ignacio Vilar. A visita fai parte dunha xira de presentación que os está a levar por distintas vilas e cidades do país para dar a coñecer o filme.

Conta a historia de Breixo (Rubén Riós), un seminarista que entra en contacto cunha comuna hippy que ocupa unha aldea, próxima á sua, a cal fora abandonada por causa da construción dun encoro.

Esta visita foi recollida no diario El Progreso.

Deixámosvos as fotos do acto:

O pase de diapositivas require JavaScript.

O último filme de Ignacio Vilar, Vilamor, estrearase o 4 de abril en Monforte

O director de Pradolongo, estrea en diversas datas e en distintas vilas e cidades do país o seu último filme: Vilamor, sendo o 4 de abril en Monforte.

O filme conta a historia dunhas persoas que deciciron establecerse a finais dos anos 60 nunhas aldeas que quedaron illadas e deshabitadas por causa da consturcción dun encoro no concello fonsagradino de Negueira de Muñiz.

Para mais información aquí.

Trailer:

O arrubiar nas orellas de A

Na equipa de normalización linguística gostamos moito de este artigo que publicou Rosa Aneiros no xornal online Praza Pública, xa que defende un modelo de ensino no que acreditamos. Podedes expresar a vosa opinión nos comentarios.

O ARRUBIAR NAS ORELLAS DE A.

A, quítate las gafas

No

A, quítate las gafas he dicho

No

E logo daquel aterrorizado “no”, as gafas de A saían voando logo de que a man aberta de dona C o estampase contra o ferro da calefacción.

Te advertí que quitases las gafas. Ahora no llores

Durante o resto da mañá, a cara de A ficaba marcada coas raias do radiador e arrubiada pola humillación. O resto da aula respiraba silenciosa baixo a ditadura férrea dunha mestra autoritaria que cada vez que erguía a man co seu anel verde facíanos tremer coma xuncos. Tiñamos nove anos e viamos esa escena repetida dende a aula do lado, grazas a ese prodixio da construción escolar dos anos setenta que nos amosaba nitidamente todo o que acontecía no resto do colexio.

Lembrei a A e dona C logo de ver as imaxes dese policía corpulento a zoupar nun rapaz nas rúas de Valencia. Cando o mozo botou a man aos lentes e fitou con esa mirada entre estupefacta e humillada ao representante dos corpos e forzas de seguridade do estado, unha sentiu ese arrubiar nas orellas de A, o silencio cómplice dos que mirabamos sen protestar. Volvín experimentar ese rancor estraño da impotencia, de quen me obrigou a presenciar a humillación e me impediu responder, por terror, ás aldraxes. Tamén porque, daquela, na casa o algho farías pesaba un mundo.

Estes días escoitei demasiados algho farían na boca de medios de comunicación e políticos para deitar o dedo acusador sobre os “radicais” que se manifestaron en Valencia ou Barcelona para protestar pola carencia de recursos para a educación pública. Que alguén sospeitoso habitual de conceder licenzas irregulares, de financiamento dubidoso, de fraude, de malversación de cartos públicos e implicado en todas as tramas de corrupción sobresalientes, acuse de radicais e violentos os rapaces, manda truco. Xaora, a ideoloxización da rapazada é criticable só cando non é túa a doutrina imperante.

Neses mesmos días en que o alumnado valenciano recibía xostregadas, Carmen Zalvide,  ex – alumna do IES Álvaro Cunqueiro de Coia en Vigo e un dos quince Premios Nacionais de Bacharelato dicía: “reivindico a educación pública por riba de todo; ten os mellores docentes”. Agradecidas aos seus mestres amosábanse tamén María Pazos Vila e Laura Calvo Gens, gañadoras da área Europa, Oriente Medio e África dentro do concurso Youtube Space Lab na categoría entre 14 e 16 anos. Son alumnas do CPI de Rois e o seu experimento acaba de valerlles, polo momento, un voo en gravidade cero. E todo por culpa dun profesor, Javier Méndez Zunzunégui que, segundo afirman as rapazas, “foi quen nos animou cando estabamos a piques de abandonar”.

A rapazada que se manifesta e os testemuños destas tres mozas demóstrannos que a educación vai alén da asimilación de contidos en diferentes materias; é un empurrón para aprender a voar, a soñar que podes lograr aquilo que parecía imposible. Mestres e mestras que che abren as portas e mais as fiestras no canto de darche con elas nos dentes, mesmo procurando pillarche os dedos no golpe para que non recunques. Representantes dunha educación pública, constantemente vilipendiada, que fan dos nenos e nenas seres pensantes e creativos, non pura e estatística man de obra barata. A que agora xa se pode despedir mesmo antes de ser contratada. E nesa idade en que ningún ser humano confía en si mesmo hai quen non só confía senón que turra por que ti confíes. E iso, tan só iso, pode chegar a condicionar unha vida enteira. Deles e delas, profesorado da educación pública da que fun partícipe toda a miña vida académica, lembro perfectamente o nome completo e mesmo os apelidos. A outras, a outras non lles concedo máis que as iniciais.

Entre o profesorado do IES Lluís Vives seguramente haberá individuos de ambas especies, os que zoupan (ou quererían zoupar) e os que turran. Quen permanecerá nun lugar senlleiro nas memorias adolescentes e de quen só quedarán os títulos das disciplinas que impartiron. Pero todas e todos seguramente teñen en común a rabia e impotencia de ver como o seu alumnado intenta aprender na precariedade máis absoluta e, aínda por riba, reciben paus por queixarse cando outros se enriquecen a mans cheas cos cartos públicos.

E todo por protestar por careceren de calefacción.

Así e todo, seguro que A agradecería que lle quitasen o radiador do carón da súa mesa. Deste xeito non había levar a cara a raias o resto da mañá. A el, polo menos, dona C pedíalle que quitase os lentes antes do lapote.

Ollándonos 2010-11

Por fin aquí tedes todos os números de ollándonos do curso 2010-11. Máis  vale tarde que nunca, non?